II Asemblea: Anova constitúe os seus novos órganos de coordinación política de xeito colexiado

Por Anova IN o 1 de Novembro de 2014 en II Asemblea

A nova Coordinadora Nacional, emanada da II Asemblea Nacional, reuniuse hoxe no hotel Congreso de Teo para comezar a súa nova andaina cun novo deseño.

A Coordinadora Nacional de Anova-IN, constituída de xeito paritario por 75 persoas na II Asemblea Nacional –amais doutras escolleitas como representantes territoriais– tomou hoxe posesión como máximo órgano de coordinación política da organización.

Tal e como mandan os textos aprobados na II AN, a primeira encomenda foi a escolleita dunha nova Comisión Permanente, que adquire un novo deseño no que a meirande parte de áreas de traballo e responsabilidade serán colexiadas ou compartidas, pretendendo así implicar a máis persoas na coordinación da organización.

A propia Coordinadora Nacional, coa creación de grupos de traballo, asumirá a dirección política colexiada, delegando na Comisión Permanente a execución das súas decisións. Deste xeito, establécense áreas estratéxicas amplas de responsabilidade compartida na Comisión Permanente, como a Portavocía, a Coordinación, Organización, as Relacións Sociopolíticas, etc, en ocasións mancomunadas ou conectadas con outras áreas para ter máis operatividade e corresponsabilidade.

Por outra banda, será a Coordinadora Nacional, como máximo órgano de dirección política, a que cree grupos de traballo sectoriais (medio rural, pesca, enerxía e economía, ambiente, política municipal, ensino, sanidade…) para nutrir de propostas e alternativas políticas á organización en colaboración coas asembleas de base.

A composición da nova Comisión Permanente foi aprobada por 71 votos a favor, ningún en contra e 1 abstención. Estará formada por 21 persoas coa seguinte distribución de áreas estratéxicas:

  1. Portavocía: Xosé Manuel Beiras / Martiño Noriega
  2. Relacións Sociopolíticas (mancomunado coa Portavocía): Raúl Asegurado / Xiana López Penedo
  3. Coordinación: Antón Sánchez / Brais Fidalgo
  4. Relacións Institucionais; municipal/AGE/AGEe (mancomunado con Coordinación): David Carballal / Cristina Amor
  5. Organización: Esther Duro / Rafael Dopico
  6. Finanzas (mancomunado con Organización): Iria Otero
  7. Comunicación: Manoel Santos
  8. Cultura e lingua: Antón Dobao / Xabier Xil
  9. Feminismo: Tania Bouzo / Marga López
  10. Mocidade: Daniel Conde / Antía Comesaña
  11. Sustentabilidade: Pilar Barros / Sandra Pesqueira
  12. Formación: Uxío Novo